A COVA DE FONFORRÓN



 


Pois facía moito tempo que non paseaba pola mítica  praia de Fonforrón nin visitaba a súa cova. 

Setembro  é un mes incrible. Xa non hai apenas turistas e a luz é pura poesía.Hai tamén un "nonseiqué" flotando no aire que invita á melancolía, a introspección e ao recollimento.

Sentín como se fose o meu primeiro e último paseo por esta praia .

Había algo de despedida ( non sei a razón.Ou si que a sei pero non o digo) .

De súpeto invadíronme as lembranzas: a miña lonxana infancia, a miña tía Luisa que sempre nos levaba de excursión a esta praia polas tardes, a onza de chocolate Nestlé e o bocata de chourizo Revilla, os xogos cos meus curmáns , as ondas , "que grandes son",a cova de Fonforrón, o medo e a impresión que me producía de nena, a lenda do galo que alguèn solta na cova e aparece en Montemuiño. 

De aí a adolescencia, os primeiros amoríos, os baños no mar vestida debido a tódolos complexos que coleccionaba daquela. 

E xa de adulta e con fillas, o Ardora e a súa árbore. A incrible confluencia de nenos-adultos creando aquela flor efémera que foi a Asociación Cultural Vendaval de Ardora,  con imaxinación e alegría desbordante. Música, danza, poesía, teatro...a praia de Fonforrón foi testigo daquela efervescencia naquel local que comezou chamándose A PROA.

Todo isto é máis sentín onte en Fonforrón.

E todo polo asombro que produce a beleza deste lugar, onde hai unha cova onde  as sereas namoradas  se refuxian da dureza dos  temporais do inverno.












Comentarios

Entradas populares